Investigación

Infancia e familia
Equidade educativa

Impactos da nova pornografía online e modalidades de intervención con adolescentes e mocidade.

A nova pornografía online representa, para adolescentes e persoas mozas, unha experiencia complexa que resulta da interacción de múltiples factores. Desde o 2008, coas tecnoloxías 4G, o uso da pornografía increméntase cada vez máis na internet e nos nosos móbiles. A poboación adolescente, principal consumidora de porno online, está nunha etapa na que aínda é posible previr as peores consecuencias do uso masivo da pornografía.

Seguir lendo

mozos sentados vendo cada un o seu movil

Neste sentido, a identificación das características que xogan un papel importante na configuración desta experiencia permitiría mellorar as intervencións preventivas e reducir os seus efectos negativos.

FAIA traballa nesta liña para identificar os factores relacionados cos efectos da nova pornografía, así como as intervencións máis adecuadas para facer fronte aos riscos do seu consumo por adolescentes, mozos e mozas. Para isto levamos a cabo proxectos que integran a metodoloxía cuantitativa e cualitativa. Así como técnicas específicas para desenvolver revisións sistemáticas, metanálises, paneles Delphi, etc.

Os proxectos desta liña de investigación lévanse a cabo en colaboración coa Red Jóvenes e inclusión e a Universitat des les Illes Balears.

Infancia e familia
Redes de apoio

As competencias de parentalidade substitutiva en profesionais educativos/as de recursos residenciais de autonomía.

O exercicio da parentalidade fai posible un desenvolvemento adecuado das mozas e mozos nas esferas emocional, psicolóxica e social. As figuras parentais achéganlles afectos, esquemas cognitivos e emocionais, estímulos, enerxía e recursos que lles permiten madurar física, emocional e socialmente. Pero, para as mozas e mozos tutelados, estas achegas non sempre están presentes.

Seguir lendo

muller e mozo falando sentados nun valo

A súa situación é especial, xa que alguén alleo ao seu núcleo máis próximo debe cubrir certos aspectos que a familia non puido cubrir. A literatura ten explorado a fondo o impacto da separación familiar e o dano que provoca a parentalidade mal exercida. Con todo, existe pouca información sobre a parentalidade substitutiva que se desenvolve durante o período de tutela administrativa.

Nesta liña de investigación estudamos as competencias parentais dos e das profesionais educativas que exercen esa parentalidade substitutiva nas residencias de autonomía para mozas e mozos tutelados.

Os proxectos desta liña de investigación lévanse a cabo en colaboración con Igaxes e a Universitat des les Illes Balears.

Infancia e familia
Redes de apoio

Conduta adaptativa das mozas e mozos tutelados participantes no programa Mentor de tránsito á vida independente.

O programa Mentor é un programa de tránsito á vida independente para mozos e mozas tutelados e ex tutelados de 16 a 25 anos. O seu obxectivo principal é mellorar a súa calidade de vida, mediante un proxecto individual orientado á inserción laboral e a capacitación para a vida independente. O programa traballa no desenvolvemento de condutas adaptativas necesarias para a emancipación.

Seguir lendo

mozos tutelados preparando a comida seguindo unha receta

A conduta adaptativa está formada por unha serie de habilidades conceptuais, sociais e prácticas necesarias para facerlle fronte á vida autónoma. O estudo desta conduta pode utilizarse como unha estratexia para detectar puntos fortes e débiles dunha acción socioeducativa.

O noso grupo de investigación estuda os niveis da conduta adaptativa na mocidade tutelada e ex tutelada participante no programa Mentor. Con isto buscamos detectar necesidades de mellora na intervención profesional, a fin de promocionar un proceso de emancipación e transición á vida adulta satisfactorio. Tamén exploramos estratexias que permitan avaliar a calidade dos sistemas de protección e detectar as súas carencias.

Os proxectos desta liña de investigación lévanse a cabo en colaboración con Igaxes e a Universitat des les Illes Balears.