Mentoría

Únete aos nosos programas de voluntariado

En Trébol cremos na mentoría para lograr que a infancia e a mocidade máis vulnerables poidan sentirse máis seguras e conectadas. Se queres ser mentor ou mentora, únete aos nosos programas de voluntariado.
Ti podes ser referente dun mozo ou moza sen apoio familiar

Mentoría social: o proxecto Referentes

Moitas mozas e mozos sen apoio familiar carecen de apoio adulto cando dan o salto á vida independente. Unha vez deixan os centros nos que viviron, fáltanlles referentes nos que confiar. Persoas das que recibiren axuda e aprender.

O proxecto Referentes de Igaxes e Trébol fai posible que un destes mozos e mozas poida encontrar a súa propia persoa mentora. Alguén que lles permita ampliar a súa rede de apoio e que lles axude a camiñar con máis seguridade.
Pode ser referente calquera persoa residente en Galicia, maior de 25 anos, que non teña vínculo formativo ou profesional coas áreas sociais ou de axuda. A participación abrangue seis meses de voluntariado presencial con formación continua.

Compartindo a vivencia de saltar ao mundo

Mentoría social entre pares

Neste programa é un mozo ou moza ex tutelada quen exerce como mentora doutra persoa de menor idade que aínda está baixo protección administrativa. A primeira comparte coa segunda a súa experiencia e valores, servíndolle de apoio nesta etapa tan complexa. Da outra banda, o mozo ou moza menor conta cunha persoa capaz de empatizar ao máximo, xa que tivo unha traxectoria vital moi semellante.

Aprender o significado de ser unha persoa realmente autónoma, perder o medo a tomar decisións, adoptar unha actitude activa ante a vida… Ao longo da súa etapa no sistema de protección, os mozos e mozas sen apoio familiar aprenden a asimilar ideas coma estas. Escoitalas na voz de alguén con quen teñen tanto en común ten sempre un valor especial.

Dálles a oportunidade de aprender da túa experiencia

Mentoría laboral: o programa Artesa

Artesa é un programa de voluntariado corporativo para persoas traballadoras dunha empresa. Nas propias instalacións da compañía, ou vía telemática, as persoas mentoras asesoran a mozas e mozos tutelados para traballar nesa empresa ou sector económico.

O obxectivo é lograr que a mocidade adquira un maior coñecemento do mundo do traballo e se familiarice con el. Ao deixar de observalo como un ámbito alleo, poden prepararse para o seu salto ao mercado laboral con maior seguridade e confianza.

Tamén é posible exercer como mentor ou mentora laboral a título individual. Calquera persoa con experiencia probada nunha profesión específica pode poñela ao servizo destas mozas e mozos. En función das necesidades detectadas deseñamos a medida un programa de titorías presenciais e/ou en liña.

Se queres ser mentor/a laboral (como persoa física ou como empresa), escríbenos a voluntariado@fundaciontrebol.org ou chámanos ao 981 56 11 69.