Proxectos

A Fundación Trébol de Iniciativa Social ten como eixo central das súas actividades a formación e a investigación en todo o relativo á intervención con persoas en situación de dificultade social. Na execución dos seus proxectos, a Fundación mantén un compromiso permanente coa calidade e coa innovación. Mediante a produción de coñecemento e a súa plena transferencia, queremos compartir novas ideas e prácticas profesionais innovadoras para que estas revirtan nunha mellora constante do traballo a carón das persoas.

A entidade é unha das promotoras do Grupo Interuniversitario de Investigación en Emancipación de Mozos/as en Conflito Social, no que participan membros de seis universidades e outras cinco entidades de acción social de España e Portugal. Co obxectivo de formar profesionais especializados no ámbito da xuventude e a autonomía, a Fundación tamén promove desde 2011 o Máster en Intervención e Emancipación de Mozos/as en Conflito Social, que organiza en común coa Universidade de Santiago de Compostela e Igaxes3.

Rexistrada como entidade de acción voluntaria, a Fundación tamén é responsable dun programa de voluntariado de ámbito galego: o proxecto referentes está destinado a encontrar persoas en Galicia que queiran acompañar voluntariamente a mozos e mozas sen apoio familiar no seu camiño cara á emancipación.