Voluntariado

Como entidade de acción voluntaria, aplicamos diversas iniciativas para darmos o máximo apoio aos mozos e mozas tutelados no seu proceso cara á vida independente. Neste propósito contamos coa axuda de todas as persoas que, de forma altruísta, participan nos nosos programas.

Actualmente, Fundación Trébol de Iniciativa Social desenvolve tres iniciativas de mentoría: a primeira delas está aberta á sociedade en xeral; para o segundo contamos cos mozos e mozas ex tutelados que xa pasaron polas nosas vivendas de autonomía; e o terceiro está pensado para a participación de traballadores das empresas coas que colaboramos.



PROXECTO REFERENTES

Este proxecto xurde da necesidade de apoio que teñen os mozos e adolescentes sen apoio familiar para afrontaren o seu camiño cara a unha vida independente. Este proceso tan complexo require de apoio educativo por parte dos nosos profesionais, pero ademais é imprescindible un apoio emocional fóra do sistema de protección de menores.

Por esta razón buscamos persoas dispostas a asumir o rol de referente do mozo ou moza para confiar, escoitar, aconsellar, divertirse, aprender, consolarse ou coñecer unha realidade diferente da propia. Un referente adulto que lle axude a ampliar a súa rede social e a camiñar con máis seguridade.

Toda a información sobre o proxecto e a forma de participar está en referentes.org.



PEER MENTORING

O termo pode traducirse como “mentoría entre semellantes” e consiste nun modelo de relación un a un, no cal un mozo ou moza ex tutelado exerce como tutor dun rapaz de menor idade que aínda reside nunha vivenda de autonomía. O primeiro comparte co segundo a súa experiencia e valores, servíndolle de apoio e de referente nesa etapa tan complexa. Da outra banda, o mozo menor encontra no maior unha persoa que empatiza con el ao máximo, xa que tivo unha traxectoria vital moi semellante.

Aprender o significado de ser realmente autónomo, perder o medo a tomar decisións, adoptar unha actitude activa ante a vida… Ao longo da súa etapa de institucionalización, os mozos e mozas sen apoio familiar aprenden a asimilar ideas coma estas. Pero escoitalas na voz dun compañeiro ex tutelado, alguén con quen teñen tanto en común, ten sempre un valor especial.



PROGRAMA ARTESA

Desde Fundación Trébol e Igaxes3 mantemos convenios de colaboración con distintas empresas e asociacións empresariais, que exercen plans de responsabilidade social mediante a contratación dos mozos e mozas en dificultade social cos que nós traballamos.

O programa Artesa é unha iniciativa de voluntariado corporativo pola cal traballadores destas empresas colaboran activamente nesa acción de responsabilidade social, prestando titorías cos rapaces nas propias instalacións da empresa: asesoramento en materia laboral, desenvolvemento de aptitudes para o traballo, cultura empresarial…

O obxectivo é lograr que os rapaces adquiran un maior coñecemento do mundo do traballo e se familiaricen con el. Ao deixar de observalo como un ámbito alleo, os mozos e mozas tutelados poden prepararse para o seu salto ao mercado laboral con maior seguridade e confianza.