Investigación

A xeración de coñecemento é clave para o traballo cotián de inclusión social dos nenos, nenas, mozos e as súas familias en risco de pobreza ou exclusión. Actualmente centralizamos toda a nosa produción investigadora desde o Centro FAIA de Documentación e Investigación Social, con sede en Santiago de Compostela.

FAIA (Familia, Infancia e Adolescencia) ten por misión a de desenvolver investigación y e coñecemento nos diversos ámbitos da sociedade civil comprometidos coa transformación social, especialmente nos ámbitos de familia, infancia e mocidade en risco de exclusión para facer incidencia política desde o rigor científico.

Todas as súas liñas actuais de actuación intégranse en catro grandes áreas: familia, escola, emprego e comunidade. Como base para o seu desenvolvemento contamos coa experiencia de Igaxes -organización matriz da Fundación Trébol-, que xa brindou atención e apoio a máis de 25.000 nenas, nenos e mozos nos seus 20 anos de existencia.

Os obxectivos do Centro FAIA son:

  • Ser un centro de investigación independente, plural, sen axendas partidistas ou ideolóxicas dominantes, e capaz de influír nas políticas sociais desde a realidade da intervención.
  • Ser un punto de referencia en Galicia, España e Europa (especialmente Portugal) útil para persoas, entidades sociais, universidades, administracións e empresas preocupadas polo ámbito social ou interesadas nel e un punto de referencia nacional e internacional en termos de investigación, recursos de documentación e publicacións especializadas no ámbito social.
  • Ser un actor influínte no desenvolvemento das políticas sociais en Galicia, España e Unión Europea (especialmente Portugal) en diálogo permanente cos responsables políticos e coa capacidade de xerar opinión, directamente e/ou a través dos medios de comunicación.
  • Ser unha organización conectada, con outras institucións líderes no campo da intervención e a investigación social; unha organización que participa nos debates e que é unha fonte de coñecemento e opinión respectados.